23/1/09

Agardando unha reunión coa Dirección Xeral de Xuventude


No último encontro de Asociacións Estatais de profesionais da xuventude, decidiuse que a próxima xuntanza se realizase en Galicia.
Con ese propósito dende ATIXDEGA no mes de decembro puxémonos en contacto coa Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia e solicitamos unha entrevista co seu responsable Rubén Cela para ver ata que punto este organismo autonómico nos podería axudar á hora de organizar un evento destas características.
A chamada á Xunta realizouse a mediados de decembro sen que polo momento tivesemos resposta por parte da mesma para indicársenos unha data de xuntanza.
Lembremos que os obxectivos da mesma son:
1) Seguir afianzando o tecido asociativo e de intercambio de recursos entre as asociacións das distintas comunidades autónomas: Cataluña, Baleares, Andalucía, Castela A Mancha e mesmo Valencia que podería incorporarse a esta xuntanza, etc.
2) Continuar traballando na definición dos perfís profesionais dos informadores xuvenís, definindo varios perfís e as súas competencias de cara a que a regulación profesional do noso traballo a nivel estatal conte coa nosa opinión á hora de marcar estes límites.

Para todo isto sería interesante poder celebrar en primavera unha xuntanza en Galicia, na que os técnicos galegos e do resto do estado poidamos seguir poñendo o noso grao de area. Evidentemente para poder levar isto adiante sería importante a colaboración da Xunta, cedéndonos un espacio para albergar aos outros técnicos de fóra de Galicia durante esta fin de semana.

Somos conscientes de que se trata de datas complicadas ante a inminencia da cita electoral de marzo. Pero aínda así confiamos en que dende a Dirección Xeral de Xuventude teñan un oco para escoitar antes as reivindicacións dos que día a día traballamos cos máis novos.