17/1/08

O Observatorio Galego dos Medios convida a participar no Foro Internacional sobre Comunicación e Voluntariado


O Observatorio Galego dos Medios (asociado a Media Watch Global) do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia celebra, dentro do seu Seminario Permanente sobre Comunicación, Cidadanía e Xornalismo Social un Foro Internacional sobre Comunicación e Voluntariado, co obxectivo de analizar, estabelecer e fortalecer os vínculos entre o tecido organizativo da sociedade civil (o Terceiro Sector), os profesionais da comunicación e a comunidade académica. O Foro vai tomar forma a través dun encontro virtual na Internet, que vai transcorrer entre o 1 de Febreiro e o 15 de Marzo de 2008, e unha xornada presencial, a celebrar o sábado 15 de Marzo en Santiago de Compostela. A participación é gratuíta e pode, en función das posibilidades de cada un, englobar unha ou ambas as dúas modalidades.



Neste sentido, convídase ás distintas organizacións do Terceiro Sector a enviar as súas impresións sobre a relación entre Comunicación e Voluntariado. Estas poden realizarse en forma de experiencias, historias de vida ou ideas xerais sobre calquera tipo de relación que se produza entre estes dous ámbitos (organización do traballo de comunicación da organización, visión nos medios do traballo voluntario, realización de medios de información con traballo voluntario, etcétera). Os textos van ser publicados nas actas do foro, editadas en formato CD (con ISBN). Por outra banda, anímase tamén ás distintas organizacións a participaren dos debates do foro, suxeríndolles ademais que difundan esta información a través de portais, listas de correo, etc., na medida das súas posibilidades.


Observatorio Galego dos Medios

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

http://www.observatoriodosmedios.org

http://www.xornalistas.com

No hay comentarios: